jueves, 9 de junio de 2011

Pesar polo pasamento do Camarada Ludo Martens



Desde o Colectivo Marxista-Leninista Forxa! queremos facer chegar as nosas máis sinceras condolencias aos familiares, amigos e camaradas do comunista Ludo Martens.


O seu falecemento é sen dúbida unha grande perda para o Movemento Comunista Internacional, no que el puxo tanto énfase e empeño a prol da súa Unidade, impulsando os encontros dos partidos e organizacións comunistas de liña marxista-leninista e antirrevisionista, a celebración do Seminario Comunista Internacional de Bruxelas, de suma importancia no proceso de debate e converxencia do MCI. Cómpre destacarmos tamén o seu papel no desenvolvemento do propio PTB.

Fican patentes as súas grandes achegas revolucionarios en traballos como, por poñer un exemplo, “Un outro ollar sobre Stalin”, que pasará á Historia como unha das obras pioneiras dirixida a combater as calumnias fabricadas por revisionistas e burgueses para tentar demonizar a figura do camarada Stalin e o período no que este foi Secretario Xeral do PCUS. Tendo en conta que no momento no que foi escrito se carecía aínda de moita da información que hoxe está dispoñíbel, aínda ten máis valor ao seu traballo, posto que amosa unha grandiosa demostración de valentía e convición que encetou un profundo e necesario estudo sobre este importantísimo período revolucionario, do que cada vez temos máis evidencias.

"A arrogancia do imperialismo non nos impresiona, ás avesas, estamos certos de que as persoas que manteñen o espírito lúcido, que non padecen o histerismo antisocialista, se verán obrigados a reflexionar seriamente sobre o correcto das nosas posturas, despois de escoitar as nosas probas e os nosos argumentos".

Será lembrado coma un dos primeiros e implacábeis comunistas antirrevisionistas europeos, e a mellor homenaxe que lle podemos facer é continuarmos traballando pola urxente e necesaria Unidade do MCI e a ineludíbel loita polo Socialismo.

No hay comentarios: